Publicidad

domingo, 8 de febrero de 2009

O último día da vida de «Larchán»

O porco celta repite. Non porque teña unha dixestión difícil, senón porque esta fin de semana é a segunda ocasión consecutiva na que o municipio de Manzaneda reúne a veciños, amigos e estraños en torno a unha mesa e un bo feixe de bandexas cheas dun suculento cocido. Setecentos metros de altitude, dous grados (escasos) de temperatura e case un quilogramo de carne por cabeza son os detalles básicos para situarse nesta celebración gastronómica na montaña, onde as comilonas prefírense de inverno.
A celebración comezara de mañá coa parva, que é como chaman -ou máis ben escusan- o aperitivo que se dispón antes da matanza. Mentres o porco Larchán agardaba polo seu sacrificio, arredor de 60 persoas daban conta de embutidos, bica, viño e licores co obxectivo de coller forzas para o resto do día. Un aperitivo que é toda unha tradición cando se dispón dunha xornada por diante de sacrificio e traballo. Neste caso traballar, literalmente, non tiña pensado facelo ninguén excepto Isauro, o matachín convocado para o que estaba plantexado como unha exhibición do que se fai na primeira xornada de matanza, basicamente mirar e comer. E iso foi ó que se adicaron os máis de 200 participantes da convocatoria da Peña A Lardeira, organizadora de tan nutritivo evento.
Arredor das doce Larchán pasou a mellor vida. Os miróns tamén, xa que quedaba por diante un extenso menú, previo paso pola feira de artesanía coa que este ano quixeron animar a celebración. E polo éxito da convocatoria non foi mala idea, xa que antes de xantar houbo tempo de mercar viño, mel, tecidos e ata uns pendentes de coiro.
O da comida xa foi outro cantar, ou soprar, xa que máis que cánticos o que soaron foron as gaitas da Charanga Divina, algo así como unha versión reducida do grupo Os Cuchufellos, tamén produto autóctono de Manzaneda. Houbo gaitas antes do xantar e ó rematar. No medio, sopa de cocido (milagrosa); chourizo, lacón, cachucha, androlla e soá (contundente); grelos, repolo, garavanzos e patacas (necesario); bica, torta de roxóns e filloas de sangue (deliciosas); café e licores (imprescindibles).
Con semellante lista todo o mundo quedou encantado e os organizadores opinan que este segundo ano referenda que acertaron co produto, a pesares de que os porcos degustados sexan de montaña allea, a da Fonsagrada. Hoxe a festa segue en Manzaneda así que pódese probar sorte e tratar de reservar mesa nalgún dos dous restaurantes do pobo. A quen non se poderá ver xa é o coitado Larchán, que si era un porco veciño, rematou subhastado e xa agarda polo día en que será servido en bandexa.
Fuente: La voz de galicia (08/02/09)

No hay comentarios:

Publicar un comentario