Publicidad

sábado, 25 de agosto de 2012

Dúas vidas diferentes para o mesmo cargo

Un día na Pobra de Trives (Ourense) tumba moitos clixés sobre vilas da alta montaña. As rúas non están desertas, os veciños non son introvertidos, non hai vacas e o alcalde non marca a vida municipal a golpe de cornetazos desde o balcón da Casa do Concello. Francisco Fernández (Trives, 1973) fai acrobacias coa súa axenda para compaxinar as tres cousas que marcan a súa vida: a alcaldía desta localidade ourensá de 2.400 habitantes, o seu despacho de avogados e a súa familia. "Es alcalde as 24 horas. En concellos coma este é imposíbel separar a política da vida persoal" explica. Goberna en minoría a través da Agrupación Trivesa Independiente, ATI. Non se separa dun móbil que soa incansabelmente, dun portátil e dun bolso cheo de papeis de traballo.

Son as nove da mañá e a rúa principal está ateigada de xente. O rexedor, que vive a medio camiño entre a cidade de Ourense e a vila, tiña pensado pasar a noite alí, pero Manzaneda truncou os seus plans. O Concello posúe o 7,2% das accións de Meisa, a empresa pública que controla a estación de montaña. Unha reunión da xunta de accionistas estendeu a xornada previa. “Sempre viaxo cunha bolsa de roupa no coche porque ata o final do día non sei se vou durmir en Ourense ou en Trives”, sorrí.

Fernández ordena asuntos do día no seu despacho de avogados da vila. Mais non existe separación entre o traballo de toga e o de alcalde. O teléfono soa e o portátil canta novos correos constantemente mentres as visitas de veciños mesturan asuntos municipais e privados. “Desde que son alcalde teño menos traballo coma avogado, pero non me importa”, explica. Na súa mesa hai seis montóns de papeis. Un deles son os orzamentos municipais do 2012, pendentes de aprobación.

A 100 metros da oficina están os xulgados. Quéixase da reforma dos partidos xudiciais: “A reforma vai afectar a comarca porque os xulgados dinamizan moito”. Un recado rápido até alí serve para comprobar que un alcalde dunha vila coma esta saúda os veciños polo nome. “Avísanme de que hai unhas hortensias secas ou unha árbore que molesta”. En dúas chamadas apaña auga e xardineiro. “Non hai coma ter un alcalde bo e guapo. Estamos encantados co Fran”, di unha veciña que o agarra do brazo.

Ten as competencias municipais moi delegadas, pero as cuestións da vida diaria sempre rebotan. “Estar na rúa é unha forma de manternos en contacto permanente coa xente”. Un motorista cun mono de traballo fica a carón do alcalde e comezan a falar de obras. O motorista resulta ser Domingo, o concelleiro de Obras, que ten un taller mecánico e que vai visitar unha obra. Na beirarrúa fronte o xardín que están a renovar hai unha furgoneta repartindo pan. E o extravagante nunha cidade faise realidade na pequena vila. A repartidora é Isabel, a concelleira de Cultura. Durante uns minutos, unha improvisada reunión de goberno despacha asuntos de actualidade.

De volta cara o centro da vila un coche fai sinais. Conduce un rapaz novo que é arquitecto técnico. “Este rapaz é outro mozo da vila que é mestre de historia e están a facer unha guía turística da zona que funcionará co teléfono móbil. Non cobran nada e vai promocionar a zona. Hai moito movemento veciñal”, di orgulloso. Francisco é alcalde e guía turístico. A cada paso fala da señorial historia de Trives e do legado do seu marquesado. E tamén dos problemas nos últimos anos. “Co declive de Manzaneda non houbo rexeneración no comercio. Eu son unha excepción. Pero cando hai neve non queda ningunha habitación”. Agora está pensando na nova imaxe de marca turística.

É mediodía e os militares da UME que terán base no polideportivo espérano no seu despacho do concello. “Ter os militares supón un importante pulo económico porque fan vida diaria na hostalería durante varios meses”. Entre chamadas e reunións despacha asuntos nas mesas do concello, busca papeis nos arquivos e colle expedientes dos estantes. Ás 14.45 horas escribe no seu portátil varios edictos de alcaldía.

Son case as tres e media da tarde e o alcalde é o último en abandonar unha casa consistorial chea de despachos baleiros (un por concelleiro) que construíu a anterior corporación. Pon a alarma, pasa a chave e vai comer. “Hoxe toca fóra da casa, nun dos restaurantes máis antigos da vila”. Elixe o menú do día: tomates recheos, manitas de porco e torradas. Pero aínda comendo, resoa entre algúns veciños o manido “cando teñas un minutiño falamos”. Francisco sorrí, asinte e apunta. Ao rematar o café cortado, resolve a cita.

A media tarde saca a americana e a gravata. No despacho retoma correos pendentes e dálle outra volta aos orzamentos municipais. Explica que usa a sinatura electrónica “o que permite moita mobilidade nos asuntos legais do concello”. Aínda non sabe se quedará alí ou voltará a Ourense pola noite. Este ano non collerá vacacións. “Traballas a golpe de prazos improvisados e case non me queda tempo para estar cos fillos”, pero ten claro que se debe aos veciños. “Na toma de posesión dei a volta e mirei o público porque non me parece respetuoso que o alcalde estea de costas os votantes”

No hay comentarios:

Publicar un comentario