Publicidad

sábado, 30 de junio de 2012

A estación de montaña de Manzaneda estará no primeiro trimestre de 2013 totalmente remodelada e contará con novas actividades

A Estación de Montaña de Manzaneda contará no primeiro trimestre de 2013 cunhas instalacións totalmente remodelas e con novas actividades, grazas á entrada do Grupo Mas Costas, que foi presentado hoxe como novo accionista de Meisa, trala celebración en Ourense da Xunta Xeral e o Consello de Administración desta entidade.

Así o confirmaron en rolda de prensa a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo López; a secretaria xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, María del Socorro Martín Hierro; e máis o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez González, así como o presidente e o director xeral do Grupo Mas Costas, David Caramés e Arturo Rodríguez, respectivamente.

Os representantes da Xunta de Galicia e os representantes do Grupo Mas Costas anunciaron hoxe a posta en marcha do plan de viabilidade da estación de montaña, que alcanzará un investimento de 7.100.000 euros e que permitirá a posta en funcionamento da nova Estación de Montaña de Manzaneda no primeiro trimestre de 2013.

Segundo explicou a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, as obras na estación darán comezo nun prazo aproximado de dous meses. “O plan de viabilidade articularase en torno a dous piares fundamentais, por un lado a remodelación e modernización das instalacións; e doutra parte, a diversificación do modelo de negocio baseándoo na innovación e incluíndo importantes novidades, que permitirán a súa optimización durante todo o ano”, explicou.

Sobre o plan de viabilidade, a secretaria xeral adiantou que se abordará unha reforma de todas as instalacións de restauración –restaurante á carta, bares, discotecas, restaurante self-service) – así como das zonas aloxativas –apartamentos e bungalows-, actualizaranse as zonas deportivas e modernizaranse os accesos ás telesillas e remontes con automatismos para reducir os tempos de espera e incrementar a calidade do servizo. Tamén se instalará unha nova sinaléctica.

No marco das apostas innovadoras do plan figurarán unha pista sobre xeo –a primeira en Galicia con funcionamento ao longo de todo o ano- e mais un parque de aventura, así como unha piscina dinámica e un mini-golf. Adicionalmente e para incrementar o negocio da neve instalaranse canóns de innivación.

Segundo salientou a secretaria xeral para o Turismo, que a aposta do Goberno Galego pola estación de montaña “ten sido absoluta” e “tras un longo traballo, a Xunta de Galicia anuncia a solución a longo prazo”. Tamén informou sobre o novo accionista indicando que a empresa galega Mas Costas foi a mellor valorada pola súa xestión, o seu know-how na dinamización de complexos turísticos e hoteleiros no mundo rural, os seus servizos e a comercialización.

O Grupo Mas Costas é o grupo turístico máis importante de Galicia, tanto por volume de facturación –preto de 64 millóns de euros en 2011- como por movemento de clientes. Ten capital cen por cen galego e a súa división hoteleira Oca Hotels está conformada por once establecementos en Galicia. Oca Hotels conta tamén con intereses en Brasil, onde posúe un Resort de cinco estrelas en propiedade e dentro do grupo está tamén a división do touroperador Costas Galicia, que aporta potencial comercializador. Costas Galicia ten oficinas propias en Pontevedra, Portugal, Las Palmas de Gran Canaria e Barcelona e recentemente conta cunha delegación comercial en Rusia. No grupo están tamén empresas de xestión e de servizos, polo que se pecha o círculo completo dende a dirección e operación ata a propia comercialización.

Implicación da Xunta de Galicia coa estación de montaña
Carmen Pardo recalcou que a Xunta de Galicia aportou en primeiro lugar unha solución a curto prazo a través da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda que foi a concesión dun préstamo por importe de 500.000 euros á Meisa, co obxectivo de garantir a súa viabilidade. Foi unha actuación que veu seguida de outras como a posta en funcionamento de varias actuacións transversais en Manzaneda coa colaboración da Secretaría Xeral de Benestar, da Secretaría Xeral para o Turismo, da Consellería de Facenda e mais a Consellería de Educación e Cultura, por importe de aproximadamente un millón de euros.

A Xunta de Galicia conseguiu tamén que Meisa puidese solicitar axudas a través de ordes de subvención da Secretaría Xeral para o Turismo con cargo a Fondos Feder. E tamén se delimitou o xeodestino Manzaneda-Trevinca que inclúe o nome da estación, con todo o valor promocional que isto vai reportarlle, como a presenza en 17 feiras de turismo internacional e 10 feiras de turismo nacional este ano.

Fuente: Xunta

No hay comentarios:

Publicar un comentario