Publicidad

sábado, 10 de septiembre de 2011

Pablo Sax

Fillo de emigrantes galegos en Holanda, Pablo Sax retornou a Galicia cando contaba con apenas seis anos. A pesar da corta idade que tiña cando volveu, insiste en deixar moi claro a súa orixe holandesa: «Marcou o meu carácter. Alá respírase unha cultura moi tolerante». Sen embargo, de cara ao futuro vese vivindo nunha casiña na montaña nalgún lugar do Barbanza: «Aquí pódese vivir no campo e no mar ao mesmo tempo. Galicia é marabillosa, debemos coidala. A natureza é primordial».

A vida de Pablo Sax estivo vinculada dende a súa adolescencia á musica. Con 15 anos colleu o seu primeiro instrumento. Polas súas mans pasaron guitarras, harmónicas e ata frautas traveseiras, ata que descubriu, aos 18 anos, os encantos do saxofón: «Foi entón cando comecei a traballar profesionalmente como músico de rúa». A principios da década de 1990 foi bolseiro pola Sociedade de Artistas e Interpretes o Ejecutantes (AIE) para formarse na escola de música de Compostela durante dous anos: «Por aquelas comecei a tocar en diferentes grupos de rock e blues». Naquela época colaborou activamente coa Sala Nasa de Santiago con espectáculos de teatro na rúa e, ademais, foi membro dos grupos Morgana ou Paranojazz, este último proxecto o acompañará ao longo da súa carreira musical.

Ruta galega

Grazas ao traballo de mestra da súa muller percorreu media Galicia. Cada certo tempo a destinaban a un lugar distinto, o que lle permitiu a Pablo Sax coñecer e traballar con músicos de todos os sitios. O primeiro destino foi Allariz, onde participou nun programa radiofónico de jazz e tocou co desaparecido grupo ourensán Delicatessen. Dende A Pobra de Trives comezou a colaborar cos compositores e músicos Paloma Suanzes e Pablo Bicho.

Muros foi outro dos lugares nos que recalou. Alí formou parte da banda roqueira Os Anarkinos e retomou Paranojazz. O último e definitivo destino: Noia, municipio no que organiza dende hai dous anos o Festival Canton Jazz e Blues e no que lle gustaría incluír para a próxima edición unha xornada de rock e seguir organizando talleres.

Na actualidade é membro da orquestra Omega e ten dous grupos, 2M11 co batería Lar Legido: «Facemos freejazz. Este é o meu traballo máis persoal, no que me sinto máis realizado. A clave do jazz é que o músico perda o medo a improvisar», e o dúo de música popular Saxandra.

O rock e o jazz forman parte da súa vida. O rock foi a súa mocidade: «A xente que nacemos nos 60 mamámolo, o lóxico é que sexamos fillos desa cultura». A través do programa de televisión Jazz entre amigos descubriu o jazz e a música de John Coltrane. Aínda que a priori resulte estraño, Sax asegura que «a fusión do saxo e o rock é perfecta».

Non fan falta nin cinco minutos para descubrir que Pablo Sax é un amante da vida e da música. É capaz de pasar horas e horas no seu estudo ou, como di el, no seu refuxio: «Cando quero estar fóra de todo, evadirme, péchome aquí». É sen dúbida o seu lugar no mundo «para tocar, ler ou escoitar música. Como diría a escritora Virginia Woolf: unha habitación propia». E iso é o lugar onde compón, ensaia e fai arranxos musicais para lograr pezas únicas que abraian ao público.

44 anos

Músico

Recuncho

No seu estudo, o lugar perfecto para «evadirse, tocar, ler ou escoitar música»

Fuente: La Voz de Galicia

No hay comentarios:

Publicar un comentario