O 19 de novembro, na inauguración, vaise facer unha mención de homenaxe ao profesor Marcos Valcárcel. Desde a Real Academia Galega acudirá Francisco Fernández Rey, para ofrecer a conferencia Prestixiando o galego: de Manuel Luis Acuña a Marcos Valcárcel . María Xesús Souto vai falar dos tipos de represión en Galicia no primeiro franquismo, facendo unha perspectiva comparada. Xosé Manuel Malheiro exporá proxectos educativos galeguistas na acción dos emigrantes galegos. Naquela xornada Bieito Alonso disertará sobre Antón Alonso Ríos, O Siñor Afranio: luz pública en Galiza a un proxecto de base popular . Haberá un documental sobre este home, de Víctor Coyote. Os alumnos do CEIP trivés farán a representación dramática D'A natureza no reino da escuridade, de Xoán Carlos Domínguez .
Xeración en fuga
Na segunda xornada deste congreso, o día 20 de novembro, o profesor Xulio Prada falará da represión en Ourense no sector educativo e cultural; Ramón Nicolás Rodríguez farao sobre a figura de Manuel Luis Acuña, a partitura poética dunha xeración en fuga, mentras que Manuel González colabora coa ponencia Franquismo, emigración e cine. Naquela xornada os alumnos do IES de Trives e da Facultade de Ciencias da Educación protagonizarán un recital poético e verase unha película dos tempos do franquismo .
O congreso rematará o 21 de novembro, con Luis Martínez-Risco sobre o ensino das ciencias sociais e a construción das identidades no franquismo. Do silencio cultural e da represión lingüística en Galicia no primeiro franquismo disertará Mercedes Queixas. Xosé Luis Méndez Ferrín farase presente para contar a poesía galega de posguerra. Cid sinalou que aínda se poden presentar comunicacións.
No hay comentarios:
Publicar un comentario