Foron criados entre potas, sarténs, fogóns, culleres e demais. Así que, ao final, a paixón pola cociña non podía ser menos que unha herdanza. É a historia de Ángel Fernández, que medrou na cociña do bar Rincón que montou a súa nai na Pobra de Trives alá polo 1951; pero é tamén a dos seus fillos, María e Ángel, que descubriron a vida trala barra do bar no restaurante La Viuda. ¿Será tamén a historia dos netos? «De momento non hai trazas de nada», conta Ángel divertido. De chegares algún día, sería a cuarta xeración en pórse ao fronte dun dos locais máis emblemáticos da provincia.
A historia de La Viuda empezou no bar Rincón, a maneira escollida por Asunción López para sacar adiante ao seu fillo tras quedar viúva (de aí o nome do establecemento). Comezou dando viños e tapas, mais pronto pasou a ofrecer tamén comidas. E incluso fonda. «Daquela había moitos viaxantes, e obrigárona a coller un piso e poñer habitacións», alá polo 1971, recorda Ángel. Nacía así La Viúda, no mesmo edificio no centro de Trives no que aínda continúa aberto.
No ano 74 Ángel casou con Clara Luis, que tamén entrou a traballar na cociña; á que tempo despois chegaron María e Ángel, as últimas incorporacións. Sempre entre os fogóns, pronto descubriron que a súa vocación estaba en seguir a tradición familiar, polo que ambos se formaron no Centro Superior de Hostalería de Galicia. As prácticas en locais de renome como Casa Solla en Pontevedra ou Santi Santamaría servíronlle aos irmáns para aprender maneiras que despois trasladaron á súa cociña.
A súa é unha cociña que trata de modernizarse, pero «sempre sobre unha base tradicional», apunta o máis novo da familia. Explícao o pai: «Aínda que lle tan un toque moderno á presentación, como poder ser unha guarnición no canto de patacas fritidas; o prato sigue sendo de comida tradicional».
Cincuenta anos de historia
Sobre diso, engade, «esa é a nosa seña de identidade e, de feito, algunhas cousas facémolas igual que as facía miña nai». Entran aquí os callos, a empanada, a tenreira mechada, os embutidos ou os pratos de caza. «Aínda que levan un toque, a receita é a mesma», conta Ángel.
Tamén é certo que os máis novos introduciron algunhas propostas novidosas na carta. «O bacallau confitado con puré de coliflor», di o fillo; «e o chuletero de cordeiro», engade a súa irmá. Iso si, a máxima está en «que se saiba o que se come». «Vamos aprendendo cousas novas todos os días», di María.
O negocio mudou moito nestes máis de 50 anos. Daqueles pinchos do Rincón, agora a familia Fernández Luis comparte o seu tempo en preparar «dende o menú do día aos pratos da carta», sen esquecer as vodas. «A xente segue casando por moreas», comenta o proxenitor.
Medio século dá para moito, e así o constata esta familia. «Hai xente que vén adrede ata Trives para comer aquí, ou que marcha de viaxe e prepara unha parada aquí para vir», comenta María. Tamén dá para moitos premios, claro. O Álvaro Cunqueiro no 2003, no mesmo ano no que caeu o Tenedor de Oro na modalidade de cociña tradicional. Ademais, o restaurante forma parte do grupo gastronómico Amigos da Cociña Galega; e os máis novos están no grupo Eurotoques, unha asociación internacional de cociñeiros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario